Cáritas Diocesana de Lugo celebra a segunda edición do curso de Lingua e Cultura Galegas en Lugo e a primeira en Lalín

A iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Xunta de Galicia, busca facilitar a aprendizaxe do galego e achegar a cultura e o patrimonio de Galicia ás persoas que se inician no coñecemento da lingua.

Cáritas Diocesana de Lugo, en colaboración coa Xunta de Galicia, celebrou unha nova edición dos Cursos de Introdución á Lingua e á Cultura Galegas, unha iniciativa formativa que este ano chegou á súa segunda edición en Lugo e á primeira en Lalín.

Os cursos desenvolvéronse do 13 ao 16 de outubro en Lugo e do 19 ao 23 de outubro en Lalín, dirixidos a persoas maiores de 16 anos que se achegan por primeira vez ao galego.

A formación, cunha duración de 20 horas, combinou contidos de comunicación básica, gramática, expresión e cultura galega, a través dunha metodoloxía práctica e participativa orientada a facilitar o uso da lingua en situacións da vida cotiá.

Ademais das sesións na aula, as persoas participantes realizaron saídas culturais que lles permitiron descubrir parte do patrimonio histórico e cultural de ambas as localidades e poñer en práctica os coñecementos adquiridos.

Con esta iniciativa, Cáritas Diocesana de Lugo continúa promovendo a aprendizaxe do galego como ferramenta de integración social e cultural, favorecendo o coñecemento do contorno e a participación na vida cotiá de Galicia.

Continuamos coa preparación das Probas de Competencias Clave 

Cáritas Diocesana de Lugo continua un ano máis coa preparación das Probas de Competencias Clave convocadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, consolidando así o seu compromiso coa formación como ferramenta de inclusión social. Esta iniciativa ofrece apoio a persoas de distintas localidades como Lugo, Melide, Sarria, Monforte e Lalín-Silleda, co obxectivo de reforzar as súas capacidades e facilitar o seu acceso aos certificados de profesionalidade.

As Competencias Clave son un conxunto de coñecementos básicos en áreas como lingua galega, lingua española, inglés e matemáticas; necesarios para aquelas persoas que desexan acceder a formación oficial sen contar coa titulación académica requirida. Superar estas probas abre a porta a itinerarios formativos que melloran significativamente as oportunidades de inserción laboral e desenvolvemento persoal.

Para acompañar este proceso, Cáritas ofrece un completo sistema de apoio que inclúe materiais didácticos adaptados, clases presenciais impartidas por voluntariado, acceso a unha aula virtual e un seguimento personalizado ata o momento do exame. Este enfoque integral non só facilita a preparación académica, senón que tamén reforza a confianza e a autonomía das persoas participantes, contribuíndo á súa inclusión social e laboral.

politica social igualdade
logo cáritas lugo

Comezaron os cursos de galego en Lugo

Cáritas Diocesana de Lugo inaugurou hoxe o Curso de Introdución á Lingua e á Cultura Galegas, unha formación gratuíta dirixida a persoas migrantes en Lugo que queren aprender galego e coñecer máis sobre as tradicións do país. Con 20 horas de duración, o curso ofrece contidos de comunicación básica, gramática, expresión oral e escrita, ademais de actividades culturais que facilitan a integración na vida cotiá da comunidade galega.

Este curso de galego en Lugo está organizado por Cáritas en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. Ao rematar a formación, as persoas participantes recibirán un certificado oficial da Xunta, un recoñecemento que reforza o seu proceso de aprendizaxe e pode ser de grande utilidade tanto a nivel social como laboral. Trátase dunha oportunidade para abrir portas e favorecer a participación activa das persoas migrantes na sociedade galega.

A iniciativa tamén pon en valor a importancia de compartir a lingua e as tradicións propias para construír unha Galicia máis inclusiva e acolledora. O Curso de galego e cultura galega en Lugo convida a descubrir a riqueza cultural do país e representa un primeiro paso esencial para quen desexa aprender, integrarse e sentirse parte da comunidade. Cáritas Diocesana de Lugo anima a todas as persoas interesadas a sumarse a esta fermosa aventura de aprender galego.

Aviso legal y Política de Privacidad | Canal de denuncia | Política de cookies