Cáritas Diocesana de Lugo lamenta profundamente os incidentes ocorridos en Monforte en relación co futuro centro de acollida para persoas menores non acompañadas.
Consideramos que este tipo de episodios non representan á cidadanía monfortina, que ao longo dos anos ten amosado unha actitude aberta, solidaria e respectuosa coas persoas que chegaron doutros países na procura dunha vida mellor.
Queremos lembrar que os discursos de odio, a desinformación e as mensaxes que estigmatizan a colectivos vulnerables só contribúen a xerar división, rexeitamento e violencia. Fronte a iso, Cáritas defende unha sociedade baseada na acollida, na empatía e no respecto á dignidade de todas as persoas.
Monforte é un exemplo de convivencia pacífica e integración. A presenza de persoas inmigrantes na localidade foi, durante moitos anos, unha experiencia enriquecedora que fortaleceu o tecido social, cultural e económico do municipio. A súa achega permitiu crear lazos de veciñanza e cooperación que reflicten o mellor da nosa comunidade.
Fotografía: El Progreso de Lugo.