O tempo de Advento e Nadal sempre trae consigo a oportunidade do novo e tamén a de renovar ou retomar algo que deixamos polo camiño. Quizais sexa porque nos achega ao final do ano e inevitablemente miramos cara atrás, ou porque nos achegamos a un ano novo e necesitamos proxectar e desexar algo mellor; o certo é que, para todas as persoas, crentes e non crentes, este tempo é diferente e especial. Os cristiáns celebramos que Deus nace e segue nacendo no medio da nosa realidade, sexa cal for, como un máis de nós. E necesitamos lembralo e facelo presente, porque moitas veces isto esquécesenos. Quédanos a memoria en branco cando deixamos de ser testemuñas do seu amor incondicional a toda a Humanidade. Cando deixamos de expresar proximidade e coidado aos que temos máis preto; cando nos deixamos encher de indiferenza ante a dor, a pobreza ou o sufrimento de tantas persoas en tantos lugares.
Para todas as persoas, é a oportunidade do reencontro e do volver a casa; volver ás fontes que dan sentido á nosa vida. Máis aló da superficialidade do consumo, das luces e as présas, ansiamos atoparnos coa verdade que nos habita para compartila cos demais.
Convidámosvos a vivir un Advento e un Nadal que exprese proximidade e coidado, nos que as comunidades cristiás sexan verdadeiros lugares de acollida e de encontro onde se respire esperanza, amor e paz, e zumeguen as relacións de fraternidade.