O Entroido énchese de cor, música e nostalxia cunha completa programación de actividades infantís e xuvenís de temática oitentera, organizadas polos programas de Atención á Infancia e Atención á Xuventude.
A proposta está dirixida a nenos, nenas e adolescentes, ofrecendo un espazo lúdico e seguro no que mergullarse no espírito dos anos 80, unha década marcada polos disfraces chamativos, a música icónica e a diversión sen límites.
As actividades para nenos e nenas de 7 a 12 anos celebraranse o 22 de febreiro, en horario de 10:30 a 13:30 horas e de 16:00 a 19:00 horas, con xogos, obradoiros creativos, bailes e concursos de disfraces oitenteros. Pola súa banda, as actividades dirixidas a adolescentes de 13 a 18 anos terán lugar o 21 de febreiro, tamén de 10:30 a 13:30 horas e de 16:00 a 19:00 horas, cun programa adaptado aos seus intereses e pensado para fomentar a participación e a convivencia.
O prazo de inscrición estará aberto do 9 ao 19 de febreiro. As persoas interesadas poden obter máis información e realizar a inscrición acudindo á Avenida das Américas, 103, ou chamando ao 982 24 20 09.
Animámosvos a participar neste Entroido oitentero, unha excelente opción de lecer infantil e xuvenil para gozar destas datas con creatividade, música e moito ambiente retro.

