«NA CASA: ONDE O CORAZÓN REPOUSA», un documental que reivindica o dereito a envellecer no fogar

Cáritas Diocesana de Lugo presenta o documental “Na casa: onde o corazón repousa”, unha homenaxe ás persoas maiores e ao valor de envellecer no fogar

Cáritas Diocesana de Lugo presentou hoxe o documental “Na casa: onde o corazón repousa”, unha peza audiovisual que pon o foco na decisión das persoas maiores de continuar vivindo no seu propio fogar e no entorno de sempre. O traballo, dirixido por Sito Torres Lamela e producido por Cáritas Diocesana de Lugo, busca dar voz e visibilidade a quen elixe permanecer na súa casa como expresión de liberdade, identidade e dignidade.

O documental amosa testemuñas reais que revelan como o fogar é moito máis ca un espazo físico: é o lugar onde se gardan os recordos, as rutinas e a historia de toda unha vida. As casas e aldeas galegas convértense así en símbolos de pertenza, memoria colectiva e resistencia fronte ao abandono e á despoboación rural.

Desde Cáritas destacamos que a decisión de quedar na casa debe ser respectada e acompañada, garantindo ás persoas maiores o apoio, os coidados e a compañía necesarios para envellecer con benestar e autonomía. Non se trata só de permanecer nun lugar, senón de seguir sendo protagonistas das súas propias vidas.

“Na casa: onde o corazón repousa” propón tamén unha reflexión sobre a soidade e a importancia da comunidade. Ninguén pode envellecer ben en illamento, e por iso o documental reivindica a necesidade de tecer redes de proximidade e afecto.

Aviso legal y Política de Privacidad | Canal de denuncia | Política de cookies