Cáritas Diocesana de Lugo achega a lingua e a cultura galegas a Monforte

Cáritas Diocesana de Lugo continúa coa súa aposta pola aprendizaxe do galego como ferramenta de integración, autonomía e participación social, coa celebración do primeiro Curso de Introdución á Lingua e á Cultura Galegas en Monforte.

A formación desenvolveuse do 28 de setembro ao 2 de outubro, nas instalacións de Cáritas Interparroquial de Monforte, na Costa da Pena, 2, combinando as sesións na aula con actividades prácticas e saídas culturais.

Ao longo do curso, o alumnado puido achegarse á lingua galega dunha maneira práctica e próxima, traballando a comunicación e a expresión ao tempo que afondaba no coñecemento da cultura e do patrimonio galego.

A formación completouse cunha saída cultural por Monforte, que permitiu ás persoas participantes coñecer parte do patrimonio histórico e cultural da cidade e trasladar fóra da aula os coñecementos adquiridos.

Esta iniciativa, organizada por Cáritas Diocesana de Lugo en colaboración coa Xunta de Galicia, terá unha segunda edición en Monforte do 9 ao 13 de novembro, dando así continuidade a unha proposta que busca favorecer o uso do galego na vida cotiá e facilitar a participación das persoas na súa contorna.
 
Aprender unha lingua é tamén coñecer a súa cultura, relacionarse e sentirse parte da comunidade.

Aviso legal y Política de Privacidad | Canal de denuncia | Política de cookies