Cáritas invita a compartir este Nadal a alegría de amar aos demais

UN NADAL CON LUCES E SOMBRAS

Un ano máis chega o Nadal, ese tempo especial e diferente no que celebramos o nacemento de Xesús, punto de arranque da nosa fe cristiá.

Deus vén ao noso encontro nun neno acabado de nacer, pequeno e dependente, para facerse humanidade e fraxilidade. Vén e recórdanos que o Amor é o que fai que poidamos poñernos no lugar dos demais, como El mesmo ao encarnarse no alento e o pranto dun neno acabado de nacer nunha manxadoira, nun lugar perdido e pobre que pasa desapercibido para a maioría da xente do seu tempo, agás para aqueles pastores cegados pola maxia dunha estrela e o murmurio dunhas voces que lles din algo incrible que non poden comprender: “Hoxe en Belén de Xudá, naceuvos un Salvador”.

Hoxe o nacemento do Fillo de Deus está máis preto dos pobres e vulnerables que nunca. Hoxe, e a pesar da debilidade da nosa fe, tamén nos parece incrible que Deus se faga “Un” coa nosa humanidade fráxil, ás veces mesquiña e incoherente, e que elixa pór a súa casa no medio dos pobres. Mentres poñemos as luces nos nosos beléns e vestimos de bólas de cores as nosas árbores, seguimos camuflando as vidas dos que máis sofren en informes e estatísticas, alimentando as sombras do esquecemento da súa dignidade, da súa soidade e da súa propia humanidade.

En Cáritas sabemos que cada informe que realizamos, cada cifra ou cada dato conta a historia de persoas reais con voz e alma, persoas que loitan por recuperar a súa dignidade, os seus dereitos, o seu lugar na sociedade.

Os informes son como as estrelas, sinais no camiño que nos permiten ver a realidade, para interpretala e discernir que facer con ela.

UN ADVENTO PARA HUMANIZARNOS

A humanización é un camiño onde crecemos como persoas e como cristiáns. O amor aos demais é unha proposta de vida. Humanizámonos cando as nosas vidas persoais, comunitarias e eclesiais se enfocan en e desde o Amor.

Como cristiás e cristiáns estamos chamados a vivir un Nadal diferente no que non só enchamos as nosas casas de luces, risas e encontros, senón de humanidade para contaxiar e para compartir en cada lugar e espazo onde somos e vivimos.

Deus que se fai home, humano, porque nos ama, invítanos a deixarnos amar e sentir, a facernos pequenos e fráxiles, necesitados e dependentes para recibir o seu Amor, esa chispa de enerxía poderosa que é capaz de mobilizar e recrear a vida ao longo dos séculos, e que nos pode transformar en pastores para crer sen certezas e anunciar boas novas.

Estes días de Advento que nos preparan para o Nadal non son días de espera en balde, senón días para humanizarnos e humanizar cos nosos xestos e a nosa mirada os lugares que habitamos. Nisto consiste a esperanza que ás veces buscamos con desesperación.

A esperanza non vive fóra de nós, non está nunha experiencia ou nun acontecemento, senón que vive no noso interior, en cada corazón humano capaz de deixarse sorprender, capaz de admirar e de agradecer, capaz de dar e de recibir e capaz de saír ao mundo a conquistar algo mellor non só para si mesmo senón para o ben común.

Anhelar a esperanza axúdanos a superar a tristeza, a crer no que os nosos cálculos e a nosa racionalidade determinan como fracaso. A pobreza existe e a inxustiza e a dor que provocan camiñan da man da nosa historia humana. Porén, Deus segue nacendo para humanizarnos e plantar en nós o desexo de bondade que fai posible esperar algo novo capaz de trastornar e cambiar as nosas sombras en penumbras que deixen espazo á luz.

SÓ O AMOR

Soamente o amor é capaz de dar luz e sentido á nosa existencia. Só un estilo de vida baseado na verdade que somos, aquilo que enche de verdade o noso corazón e os nosos anhelos, é o que nos conduce á felicidade que buscamos, vivir desde a esperanza que cada día nos empuxa a superarnos e a facernos máis humanos.

O amor que compartimos con outras persoas e o que recibimos iguálanos como humanidade, como esa gran familia diversa e plural que somos vivindo espallada polo mundo, atravesada por unha inmensa riqueza de culturas, pensamentos e formas de entender a vida social. Un amor que nos convoca á necesidade de coidar e ser coidados, de protexer e ser protexidos, de vivir desfrutando dun ben común e colectivo que aspira a encarnarse no pleno acceso de todas as persoas aos dereitos humanos e fundamentais para lograr unha existencia digna.

Neste Nadal necesitamos crer que a esperanza é posible e temos o gran reto de sostela, de recreala e de facela cotiá na nosa forma de afrontar a vida.

É certo que vivimos un tempo difícil e complexo no que as guerras, as ondas migratorias entre países e as secuelas da pandemia conviven con outras sombras non menos violentas e próximas como a falta de emprego e de perspectivas para os máis novos, a escaseza de vivenda accesible para os que teñen menos recursos, os problemas de saúde mental e a soidade que se vai enquistando en rúas e fogares.

Pero fronte a isto, necesitamos que brillen outras luces que nos fagan superar os medos e prexuízos ao diferente e que nos axuden a confiar para que emerxa do noso verdadeiro ser a solidariedade e a xenerosidade que temos.

NADAL ES TI

O Nadal adoita ser unha festa ruidosa: un pouco de silencio viríanos ben para escoitar a voz do Amor.
O Nadal es ti, cando decides nacer de novo todos os días e deixar que Deus entre na túa alma.
Es a árbore de Nadal cando resistes vigorosamente os ventos e as dificultades da vida.
Sodes os adornos do Nadal cando as vosas virtudes son as cores que adornan a vosa vida.
Es a campá do Nadal cando chamas, te reúnes e tratas de unir.
Tamén es unha luz de Nadal cando iluminas o camiño dos demais coa túa vida con bondade, paciencia, alegría e xenerosidade.
Sodes os anxos do Nadal cando cantades unha mensaxe de paz, xustiza e amor ao mundo.
A estrela do Nadal es ti cando levas a alguén ao encontro co Señor.
Tamén es o mago cando dás o mellor que tes sen ter en conta a quen llo das.
A música do Nadal es ti cando logras a harmonía dentro de ti.
O regalo do Nadal es ti cando es un verdadeiro amigo e irmán de todos os seres humanos.
Os saúdos de Nadal sodes vós cando perdoades e restaurades a paz mesmo cando sufrides.
Es a cea de Nadal cando os pobres ao teu carón se fartan de pan e esperanza.
Es a noite de Nadal cando humilde e consciente recibes no silencio da noite o Salvador do mundo sen ruídos nin grandes celebracións; es un sorriso de confianza e tenrura na paz interior dun Nadal perenne que establece o reino dentro de ti.


Bo Nadal a todos os que parecen Nadal.
(Papa Francisco)