Unha mesma cidade pode acoller milleiros de historias diferentes. Historias de dificultades, esperanzas e soños que moitas veces pasan desapercibidas. Con motivo do Día das Persoas Sen Fogar, que se conmemora o 25 de outubro, queremos lembrar que detrás de cada persoa hai unha historia que merece ser escoitada. Porque ninguén debería sentirse invisible e todas as persoas teñen dereito a ser respectadas, acompañadas e a formar parte dunha comunidade.
Un fogar é moito máis ca un teito. É seguridade, estabilidade, afecto e un lugar no que sentirse acollido e desenvolver un proxecto de vida con dignidade. Desde Cáritas Diocesana de Lugo acompañamos as persoas en situación de senfogarismo, poñendo no centro os seus dereitos e necesidades, desde a proximidade, a escoita e o respecto.
Baixo o lema «Un fogar, un lugar ao que pertencer», queremos sensibilizar a sociedade sobre a realidade do senfogarismo e a importancia de construír unha comunidade na que ninguén quede atrás. Reivindicamos o dereito de todas as persoas a vivir con dignidade, sentirse acompañadas e ter un lugar ao que pertencer. Porque todas as persoas contan e todas as historias importan.
