A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, coñeceu de primeira man na sede de Cáritas de Lugo o programa de saúde integral que esta entidade desenvolve con apoio da Xunta de Galicia -que destina na anualidade 31.502 euros ao mesmo- para mellorar a calidade de vida das mulleres en situación de especial vulnerabilidade ou en risco de exclusión nesta área diocesana luguesa e na comarca ourensana de Verín.
Este programa, que a entidade mantén activo ata o 31 de decembro de 2021, está a chegar a medio centenar de persoas, con especial atención a mulleres en situación de vulnerabilidade: persoas con baixa cualificación ou escasa ou nula experiencia laboral; con problemas de saúde e difícil acceso aos recursos sanitarios; minorías étnicas; con cargas familiares e escasos recursos económicos; ou mulleres en situación de desigualdade, en exclusión social ou en risco de padecela.
Tal e como destacou López Abella, a emerxencia sanitaria derivada da covid-19 tivo o seu impacto específico nas mulleres, facendo, nalgúns casos, aínda máis grandes as desigualdades por causa de xénero. De aí que a Xunta estea a reforzar e apoiar as iniciativas que traballan en directo coas mulleres para axudalas a abandonar a súa situación de risco, e favorecer a inclusión no eido laboral, social e económico.
As vulnerabilidades das mulleres da diócese de Lugo e da comarca de Verín, coas que traballa Cáritas, emanan principalmente dos roles de coidadoras, de pertenza a minorías étnicas, da discapacidade, do exercicio da prostitución marxinal, do non recoñecemento social, do illamento ou sa violencia de xénero. Como constatou a secretaria xeral da Igualdade, todas estas situacións se viron agravadas pola pandemia. Así, se incrementou a carga de traballo relacionada co coidado e se están a detectar peores condicións laborais. Precisamente tal e como teñe constatado a Consellería de Emprego e Igualdade, en consonancia coas previsións da Organización Internacional do Traballo (OIT), son os sectores do comercio, a hostalería e os servizos, cunha importante presenza de mulleres, os que están a padecer máis as consecuencias da pandemia.
Seguir leyendo en xunta.gal