Porque todas as persoas contan: o valor do acompañamento ás persoas sen fogar

Acompañar é moito máis que ofrecer axuda: é escoitar, estar presentes e camiñar ao lado de cada persoa. En Cáritas Diocesana de Lugo entendemos o acompañamento social como un proceso baseado na proximidade, na confianza e no respecto á dignidade humana. Sen présas nin xuízos, respectando os tempos e as decisións individuais, traballamos para fortalecer a autonomía persoal, recoñecer as capacidades de cada persoa e favorecer novas oportunidades de inclusión social.

Con motivo do Día das Persoas Sen Fogar, que se conmemora o 25 de outubro, reafirmamos o noso compromiso coas persoas que atravesan situacións de senfogarismo e exclusión residencial. A falta dunha vivenda digna vai máis alá de non ter un teito: tamén supón perder seguridade, estabilidade e vínculos sociais. Por iso, apostamos por un acompañamento integral e personalizado que facilite o acceso a recursos, promova a autonomía e contribúa a mellorar as condicións de vida das persoas máis vulnerables.

Desde Cáritas Diocesana de Lugo seguimos traballando por unha sociedade máis xusta, inclusiva e solidaria, na que todas as persoas teñan os mesmos dereitos e oportunidades. Porque detrás de cada situación de exclusión hai unha historia, unhas capacidades e un futuro por construír. Neste Día das Persoas Sen Fogar queremos lembrar que acompañar é estar presentes, crear oportunidades e seguir camiñando xuntos. Porque todas as persoas contan e todas merecen un fogar no que sentirse seguras e ao que pertencer.

Aviso legal y Política de Privacidad | Canal de denuncia | Política de cookies