Cáritas Diocesana de Lugo celebra a segunda edición do curso de Lingua e Cultura Galegas en Lugo e a primeira en Lalín

A iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Xunta de Galicia, busca facilitar a aprendizaxe do galego e achegar a cultura e o patrimonio de Galicia ás persoas que se inician no coñecemento da lingua.

Cáritas Diocesana de Lugo, en colaboración coa Xunta de Galicia, celebrou unha nova edición dos Cursos de Introdución á Lingua e á Cultura Galegas, unha iniciativa formativa que este ano chegou á súa segunda edición en Lugo e á primeira en Lalín.

Os cursos desenvolvéronse do 13 ao 16 de outubro en Lugo e do 19 ao 23 de outubro en Lalín, dirixidos a persoas maiores de 16 anos que se achegan por primeira vez ao galego.

A formación, cunha duración de 20 horas, combinou contidos de comunicación básica, gramática, expresión e cultura galega, a través dunha metodoloxía práctica e participativa orientada a facilitar o uso da lingua en situacións da vida cotiá.

Ademais das sesións na aula, as persoas participantes realizaron saídas culturais que lles permitiron descubrir parte do patrimonio histórico e cultural de ambas as localidades e poñer en práctica os coñecementos adquiridos.

Con esta iniciativa, Cáritas Diocesana de Lugo continúa promovendo a aprendizaxe do galego como ferramenta de integración social e cultural, favorecendo o coñecemento do contorno e a participación na vida cotiá de Galicia.

Aviso legal y Política de Privacidad | Canal de denuncia | Política de cookies