Cáritas Diocesana de Lugo continua un ano máis coa preparación das Probas de Competencias Clave convocadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, consolidando así o seu compromiso coa formación como ferramenta de inclusión social. Esta iniciativa ofrece apoio a persoas de distintas localidades como Lugo, Melide, Sarria, Monforte e Lalín-Silleda, co obxectivo de reforzar as súas capacidades e facilitar o seu acceso aos certificados de profesionalidade.
As Competencias Clave son un conxunto de coñecementos básicos en áreas como lingua galega, lingua española, inglés e matemáticas; necesarios para aquelas persoas que desexan acceder a formación oficial sen contar coa titulación académica requirida. Superar estas probas abre a porta a itinerarios formativos que melloran significativamente as oportunidades de inserción laboral e desenvolvemento persoal.
Para acompañar este proceso, Cáritas ofrece un completo sistema de apoio que inclúe materiais didácticos adaptados, clases presenciais impartidas por voluntariado, acceso a unha aula virtual e un seguimento personalizado ata o momento do exame. Este enfoque integral non só facilita a preparación académica, senón que tamén reforza a confianza e a autonomía das persoas participantes, contribuíndo á súa inclusión social e laboral.
